Sunday 12 de May de 2024

A Xunta e o ICTE ofrecen un curso sobre o cambio normativo para a obtención da Q de Calidade Turística en praias


A actividade estaba destinada a todos os concellos costeiros da Comunidade para informalos dos requisitos que se aplicarán no exame da próxima tempada de verán

Turismo de Galicia e o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) ofreceron unha sesión técnica informativa para dar a coñecer o cambio normativo para a obtención da Q de Calidade Turística nas praias. O curso, celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia, foi inaugurado polo director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e impartido pola directora técnica do ICTE, Maricruz Cádiz.

A actividade estaba aberta a todos os concellos costeiros da Comunidade galega, tanto a aqueles que actualmente teñen este distintivo como aos interesados en obtelo. O cambio farase efectivo xa este ano, polo que era fundamental informar aos concellos de cara á próxima tempada de verán, que é cando os areais serán examinados para a súa certificación.

No acto explicáronse as principais novidades introducidas para a obtención da Q de Calidade Turística en praias, certificación que xestiona o ICTE, debido á recente aprobación dun novo estándar de carácter internacional, a Norma UNE-ISO 13009:2016, que vén substituír á que se estaba aplicando, a UNE 18700:2011, de carácter español.

Desta maneira, a certificación avanza cara a uns estándares internacionais, que afianzan a calidade das praias, outorgándolle un recoñecemento e unha visibilidade máis alá das fronteiras do territorio nacional. En base a esta normativa, o ICTE establece o seu esquema de certificación para a concesión da Q de Calidade Turística. Deste xeito, explicáronse aos asistentes os requisitos en cuestións como a accesibilidade, o balizamento, o plan de seguridade ou o plan de salvamento e primeiros auxilios.